Tuesday, November 15, 2005

Estrea de Xogos na sesta

Esta montaxe será representada o 3 de decembro no Teatro Principal de Pontevedra

A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra estrea Xogos na sesta en Outes

A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) estrea o sábado 12 de novembro na Casa da Cultura de Outes a súa sexta montaxe, Xogos na sesta. Este espectáculo está baseado na obra Xogos á hora da sesta da dramaturga arxentina Romá Mahieu. A ATM realiza unha versión da obra que fora dirixida por Cándido Pazó no ano 1992 para a compañía Teatro do Malbarate cun reparto no que destacaban, entre outros, Mabel Ribera e Josito Porto.

Xogos na sesta é a historia de oito rapaces que nun parque urbano amosan, durante unha tarde de xogos, a súa particular maneira de entende-la realidade. A inocencia e tamén a crueldade e a violencia aparecen recollidas nunha montaxe con referencias cómicas sobre un presente e un futuro de cor negra no que quedan de manifesto as analoxías entre o universo imaxinario dos nenos e o mundo real.

O espectáculo será representado o domingo 20 en Noia e o 3 de decembro, dentro das Xornadas de Teatro Afeccionado, no Teatro Principal de Pontevedra.

Quinto aniversario da ATM

Con este espectáculo, a ATM cumpre cinco anos de existencia, logo de que no ano 2000 a Concellería de Cultura puxerá en marcha esta iniciativa a través do proxecto europeo Urban. Desde aquela, a ATM leva efectuadas seis montaxes: Cousas, baseada en textos e debuxos de Castelao; Un millón de vacas, baseada en textos de Manuel Rivas; O mellor dos mundos, montaxe teatral que recolle obras de Quim Monzó; A vinganza do Padre Cú, versión adaptada á Galicia de Ubu Rei de Jarry; A caída do Conselleiro de A. Lourido e a que agora se estrea baixo o título de Xogos na sesta.

Durante estes anos, a ATM ten recollidos numerosos premios en Certames de Teatro estatais e galegos: Reinosa (Cantabria), Villacañas (Toledo), Laxe, Cabana de Bergantiños ou Campo Lameiro con galardóns tanto ó traballo colectivo como ás interpretacións individuais.

Nun novo recoñecemento ó traballo de formación que está a desenvolver a ATM, a montaxe A Caída do Conselleiro foi seleccionada entre numerosos grupos galegos para participar o 18 de novembro na Semana de Teatro Afeccionado que se desenvolve en Vigo.